
Oscar Insua reclama a Educación que garanta a dotación suficiente e estable de profesionais para atender a diversidade na Costa da Morte
Recrimina a Román Rodríguez que bote abaixo os informes que avalan o reforzo: “Quen decide na consellería, os técnicos ou os políticos?”
Santiago de Compostela, 17 decembro 2025.- O deputado nacionalista Oscar Insua exixiu no Parlamento ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que reforce o profesorado para os nenos e nenas con necesidades educativas especiais e con necesidades específicas de apoio nos colexios de Cee e Muxía.
Insua recriminou ao conselleiro que non escoite aos pais e nais das Anpas de ámbalas dúas localidades, presentes na tribuna de convidados da Cámara, que “ven como o Partido Popular na Xunta non cede nin un milímetro” ante as súas “xustas reivindicacións” de contar con máis docentes, e tamén persoal coidador, para os nenos e nenas con necesidades especiais nos seus respectivos centros educativos.
O deputado do BNG pola comarca recordou nunha pregunta parlamentaria que, aparte das concentracións que manteñen desde hai semanas diante das portas dos centros de ensino, as Anpas xa se manifestaron dúas veces en Cee e outra en Muxía, ao tempo que onte mesmo as nais e pais da Anpa ‘A Granxa’ do CEIP Bergantiños de Carballo saían as rúas a protestar polos recortes no profesorado especialista para atender ao alumnado con necesidades educativas.
“Vostede di que o curso comezou con normalidade, non sei onde, porque na Costa da Morte comezou con recortes de profesorado”, reprochou ao titular de Educación, ao que recordou que son precisos máis profesores e profesoras de Pedagoxía Terapéutica e de Audición e Linguaxe e tamén algún coidador máis. “As contas están feitas e enriba da mesa”, sintetizou.
Insua preguntou ao conselleiro se é necesario que os pais e nais “expoñan publicamente con fotos e vídeos nos xornais e nas redes sociais aos nenos e nenas con necesidades educativas especiais” para que o Executivo do PP reaccione “ante a evidencia” como fixo noutros casos na comarca e tamén por que desbota os informes realizados desde a dirección dos centros educativos.
Neste sentido, reprochou a Rodríguez que o seu departamento botara abaixo, por exemplo, a proposta de dotación de máis docentes de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe no IES Agra de Raíces de Cee, pese a contar cun informe neste sentido da dirección do centro, informe ao que ademais deron visto bo tanto o xefe territorial como o inspector xefe dos servizos educativos.
“Quen decide na Consellería de Educación, os técnicos ou os políticos? Non lles valen os informes das direccións dos centros educativos ou acaso os directores non son tan técnicos como os que informan os proxectos industriais?”, cuestionou en alusión a Altri, para criticar a continuación que o Executivo do PP, con Alfonso Rueda á cabeza, presuma constantemente do seu suposto “respecto absoluto” aos técnicos cando, na realidade, adopta decisións políticas.
“Esixímoslle que garanta unha dotación suficiente e estable de profesorado que permita unha atención adecuada á diversidade e á inclusión”, reclamou o deputado nacionalista logo de referirse á reunión mantida antonte entre a Federación de Anpas galegas e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa.
Un encontro que considerou “totalmente inútil”, xa que a directora xeral se limitou a dicir que as Asociacións de Pais e Nais descoñecen o que pasa nos centros educativos, que están manipuladas polo profesorado e que hai recursos suficientes, pero que non están ben aproveitados.
O mesmo argumento, afondou, que xa lle trasladara a el mesmo o director xeral de Centros e Recursos Humanos no Parlamento hai apenas un mes. “Din que todos os centros están dotados por riba do catálogo, pero non ofrecen os datos concretos”, reprochou logo de denunciar que a consellería segue sen remitirlle por escrito os datos que manexa, tal e como solicitou. “Estou esperando, agora xa entendo por que non os mandan, vostedes o que teñen é medo”, concluíu.
Insua cuestionou ao titular de Educación se cría realmente que as familias “non teñen máis cousas que facer que ir a protestar para defender os dereitos dos seus fillos e fillas” e se verdadeiramente tamén cría que as protestas están manipuladas. “Entón, que facía a concelleira e portavoz do PP de Muxía na manifestación con todos nós recorrendo as rúas? Era unha espía e enviada especial súa ou estaba equivocada creando algarada, conflito e tensión?”, ironizou para rematar a súa intervención.