O BNG levará ao Parlamento as necesidades de persoal nos centros educativos da Costa da Morte

O deputado do BNG pola Costa da Morte, Óscar Insua, formulará este mércores 17 de decembro unha pregunta ao Goberno galego no Pleno do Parlamento de Galicia sobre as necesidades dos centros de ensino da comarca de cara ao curso 2025-2026, especialmente no relativo ao persoal docente e auxiliar destinado a atender o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

A iniciativa responde ás demandas da comunidade educativa da zona, que vén alertando da insuficiencia de recursos humanos para garantir unha atención adecuada e inclusiva ao alumnado que precisa apoios especializados.

Ao pleno do mércores asistirán como público varias representantes das ANPA dos centros escolares de Muxía e Cee, que queren amosar así o seu respaldo á iniciativa e visibilizar a preocupación das familias pola situación nos colexios e institutos da Costa da Morte.

Desde o BNG reclámase á Xunta unha planificación axeitada e con antelación suficiente para dar resposta ás necesidades reais dos centros educativos e asegurar unha educación pública de calidade para todo o alumnado.