
Santiago de Compostela, 26 de marzo.- O deputado do BNG pola Costa da Morte e Bergantiños, Óscar Insua, preguntará este venres, 27 de marzo, na Comisión 7ª de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes do Parlamento de Galicia, polo atraso na entrega dos títulos notariais definitivos da concentración parcelaria en Carnés e Cereixo, no concello de Vimianzo.
A iniciativa do Bloque céntrase en coñecer cales son as razóns que explican a demora neste proceso administrativo, así como as consecuencias que está a ter para as persoas propietarias afectadas. Ademais, Insua solicitará información sobre as previsións da Xunta respecto da finalización deste trámite e da entrega definitiva da documentación pendente.
Segundo expón o BNG, a falta destes títulos notariais impide pechar completamente un proceso que resulta fundamental para dar seguridade xurídica ás persoas titulares das parcelas reorganizadas, ademais de limitar a plena dispoñibilidade sobre os terreos.
A concentración parcelaria é unha ferramenta clave para a ordenación e mellora da estrutura agraria, polo que o deputado nacionalista defenderá a necesidade de que a Xunta dea explicacións claras sobre o estado actual do expediente en Carnés e Cereixo e estableza un calendario concreto para resolver unha situación que leva tempo xerando incerteza entre a veciñanza.
Con esta pregunta parlamentaria, o BNG busca poñer o foco nunha demanda histórica da zona e reclamar que se complete sen máis demoras un procedemento considerado esencial para o desenvolvemento agrario e a seguridade patrimonial das persoas afectadas.