O BNG urxe á Xunta a habilitar axudas complementarias ás do ISM para as mariscadoras de Camariñas

O deputado Oscar Insua manifesta que “a Xunta e o PP teñen que explicar que problema hai coas mariscadoras de Camariñas para que queden sempre fóra das axudas que sacan; este maltrato non é normal»

Costa da Morte, 6 de abril de 2026. O deputado do BNG pola Costa da Morte e Bergantiños, Oscar Insua, presentou unha serie de iniciativas no Parlamento galego nas que urxe á Xunta de Galiza a crear unha liña de axudas complementaria ás do ISM para as mariscadoras de Camariñas durante todo o período de veda extraordinaria acordado pola Consellería do Mar. Así mesmo, solicita que o goberno galego elabore un plan específico de rexeneración e recuperación dos bancos marisqueiros na ría camariñá.

O 11 de marzo, logo de que o BNG rexistrara o BNG días antes unha iniciativa para pedir a finalización do expediente, a consellería aprobou definitivamente a adaptación do plan de xestión de moluscos bivalvos a pé e desde embarcación en zonas de autorización da Confraría de Camariñas, suspendendo a actividade extractiva nos bancos marisqueiros dende o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2026, establecendo unha veda extraordinaria nese período.

A formación nacionalista indicou que esta modificación fará posible que as mariscadoras poidan solicitar as axudas polo cese da actividade no ISM, dado que cotizan no Réxime Especial de Traballadoras do Mar, “ante a falla de alternativas da Consellería do Mar e ante a inexistencia dunha orde de axudas específica para este colectivo». 

Ademais, o BNG sinalou que no Consello da Xunta do pasado 23 de marzo anunciáronse medidas para a recuperación e rexeneración dos bancos marisqueiros afectados polos temporais das últimas semanas, por contía de 22,7 millóns de euros. O goberno galego anunciou que, a través de convenios coas confrarías, garantirase que as persoas vinculadas ás entidades que rexistraron zonas con mortalidade severa ou moderada e que teñan perdas de ingresos poidan recibir unha remuneración para compensalas polo labor de recuperación e rexeneración dos bancos. Así, as persoas mariscadoras que realicen as horas máximas de traballo, 48 horas ao mes, percibirán uns 700 euros. 

“Ao día seguinte de publicar o anuncio das axudas, dende a consellería chamaron as mariscadoras de Camariñas para dicirlles que non solicitaran as axudas ao ISM polo cese da actividade, que esperaran a ver se entraban nesta última liña de axudas. Días despois, volven a chamarlles para comunicarlles que non entran e que soliciten ditas axudas ao ISM. A escusa é que non existe mortaldade nin severa nin moderada”, indicou a organización nacionalista, que considera que era algo previsible, pois tal e como afirman desde o colectivo de afectadas, “non había nada para morrer, como xa sabían desde a Xunta”.

Oscar Insua manifestou que “a Xunta e o PP teñen que explicar que problema hai coas mariscadoras de Camariñas para que queden sempre fóra das axudas que sacan; este maltrato non é normal».

Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG de Camariñas, Xurxo Rodríguez, afirmou que “a situación do marisqueo na nosa ría vén dada pola nefasta actuación da Xunta, que leva escapando deste problema desde hai moito tempo e non foi capaz de ofrecer unha solución definitiva para recuperar os bancos marisqueiros”.

O voceiro nacionalista criticou con dureza o comportamento da Consellería do Mar coas mariscadoras. “É denigrante, humillante e unha burla reiterada contra un colectivo que o único que pretende é traballar para manter unha actividade que é o sustento do seu futuro laboral e económico”, concluíu.