
O deputado Oscar Insua presenta iniciativas nas que pide executar de forma urxente as actuacións máis necesarias para manter a seguridade viaria, como o pintado das marcas viarias
Costa da Morte, 9 de febreiro de 2026. O deputado do pola BNG Costa da Morte e Bergantiños, Oscar Insua, vén de rexistrar varias iniciativas no Parlamento galego nas que urxe á Xunta de Galiza a realizar un plan integral de mantemento e reparación das estradas comarcais na Costa da Morte, das que é titular, e executar de forma urxente as actuacións máis necesarias para manter a seguridade vial, como é o pintado das marcas viarias.
Segundo sinalou a formación nacionalista, na Costa da Morte as principais vías de comunicación coas cidades de Compostela e A Coruña atópanse en moitos dos seus tramos “nun estado lamentable que dificulta a viabilidade e circulación do tráfico”. É o caso da estradas AC-552, AC-440, AC-441, AC-544, AC-545, AC-546, AC-547 e AC-404.
O BNG subliñou que algunha das citas vías foi obxecto de reparacións o ano pasado, nas cales se fixeron actuacións que consistiron en remendar con capas de asfalto os tramos máis deteriorados, “pero este ano, en gran parte debido ás condicións climáticas, volveron a aparecer fochancas e hai treitos en malas condicións, tramos onde se acumula moita auga das choivas e provocan ‘aquaplanig’”.
“Ademais, un dos grandes problemas existentes e común en todas estas estradas e que as liñas e marcas viarias non se ven, ben porque non están pintadas desde as últimas reparacións, ou ben polo desgaste do tempo, o que supón un auténtico perigo nos días de mal tempo, que este inverno están sendo case todos”, advertiu a formación nacionalista, que salientou que as liñas de pintado “son imprescindíbeis para manter a seguridade viaria e é necesario que sexan nítidas e teñan unha boa visibilidade nos momentos de escuridade”.
O parlamentario do BNG Oscar Insua afirmou que “as estradas da Xunta dan vergoña, parece que nos caiu unha das sete pragas. Hai que poñer novos firmes, non andar parcheando os furados, porque en tres días volven estar abertos e sobre todo pintar as liñas viarias. Non pode ser que sexamos os últimos para todo.”