
O deputado Oscar Insua fixo un percorrido polo instituto ceense para coñecer de primeira man as deficiencias denunciadas polos docentes do centro cos profesores e coa directiva da ANPA.
Os nacionalistas anuncian o seu apoio ao acto reivindicativo convocado para este martes 3 polas familias no IES Agra de Raíces
Costa da Morte, 3 de febreiro de 2026. O BNG reiterou o seu apoio ás demandas que a comunidade educativa de Cee vén realizando no presente curso escolar, e sinalou que o seu deputado para a Costa da Morte e Bergantiños, Oscar Insua, realizou este luns 2 de febreiro unha visita ao IES Fernando Blanco para coñecer de primeira man as deficiencias que presenta, acompañado por profesores e membros da directiva da ANPA do centro educativo.
A formación nacionalista tamén anunciou que se solidariza coas familias que convocaron un peche reivindicativo para este martes 3 no IES Agra de Raíces, e lembrou as diferentes iniciativas parlamentarias que Oscar Insua ten presentado no Parlamento galego, nas que recolle as diversas peticións da comunidade escolar en centros educativos da comarca.
Neste senso, o parlamentario do BNG avanzou que “seguiremos insistindo ata que a Xunta do PP teña en conta as reivindicacións da comunidade escolar, e presentaremos as iniciativas que fagan falta para elo e por suposto apoiamos todas as mobilizacións do profesorado e das ANPAS reclamando melloras nos centros educativos”.
Insua manifesrou que “a verdade que o estado do centro de ensino de Fernando Blanco é lamentable, en realidade mellor que reformar penso que sería necesario construír novas instalación na parte traseira do instituto, porque entre outras cousas, a accesibilidade é inexistente en gran parte das aulas”.
O deputado engadiu que “o ximnasio é pequeno e non reúne as condicións idóneas para dar clases, hai fiestras de aluminio con cristal simple nas aulas, humidades por todas partes e frío nas aulas, ademais de goteiras nalgunha delas, os automáticos saltan cada dous por tres, a aula de automación básica é un pequeno garaxe no que malamente caben 20 estudantes e a de ciclo medio precisa unha ampliación, incluso os alumnos e alumnas non teñen vestiarios para cambiarse de roupa e do patio cuberto mellor non falar, porque pon medo. Son necesarias novas instalacións sen dúbida algunha”.
Por último, Oscar Insua destacou que “a Xunta é temeraria porque segue sen contestar os escritos da directiva sobre estes problemas, aínda que non nos sorprende como xestiona o PP a educación, só actúan cando hai desgrazas”.