
Hoxe arrincaron os preparativos necesarios para a posta en marcha das actuacións que permitirán a apertura e o acondicionamento do parque do Observatorio, un dos principais compromisos asumidos polo Goberno de Inés Rey coa veciñanza do barrio da Agra do Orzán de cara a este mandato.
A alcaldesa lembrou que «a creación dunha grande área verde na Agra é unha demanda que xa vén de lonxe e, ademais, é fundamental e totalmente razoable. A configuración urbana do barrio, un dos máis compactos da cidade, esixe gañar espazos públicos e contar con superficies de lecer máis osixenadas, abertas á cidadanía».
Agora, e despois de que o Concello obtivese en xuño a concesión demanial dos terreos da AEMET no Observatorio, xa se está a avanzar nas actuacións urbanísticas precisas para abrir o parque. A folla de ruta comezará, en primeira instancia, coa construción dos novos peches perimetrais arredor das instalacións da AEMET para, xa posteriormente, demoler os muros que bordean as rúas Canceliña e Gregorio Hernández, que actualmente impiden ou limitan o acceso aos espazos que o Concello obtivo en réxime de cesión.
Este cronograma de traballo foi o que se concretou a semana pasada nunha reunión técnica entre persoal do Concello e a AEMET, co obxectivo de acordar o calendario inicial de intervencións. Dado que a previsión é comezar coas cimentacións do novo peche perimetral sur do edificio principal do Observatorio -o que dá cara á rúa Gregorio Hernández-, xa este luns se trasladaron as primeiras casetas de obra ao interior do parque, co obxectivo de habilitar e gardar os equipamentos necesarios antes do inicio dos traballos.
O parque do Observatorio gañará superficie a carón das Adoratrices
A alcaldesa, Inés Rey, recalcou hoxe que o parque do Observatorio non só se sustentará sobre as dúas superficies cedidas polo Estado ao Concello, senón que se completará coa cesión gratuíta de máis de 3.000 metros cadrados dunha parcela lindeira ao parque, o antigo soar das Adoratrices.
O Pleno aprobou a finais de xullo o convenio urbanístico necesario para adoptar esta medida, que ademais de dar cumprimento a unha sentenza firme do TSXG -que recoñeceu como solo urbano consolidado unha parte da parcela do ámbito POL M-22, o soar das Adoratrices- permitirá aproveitar como área verde e espazo libre de uso público esa superficie de 3.000 metros cadrados, que, ademais, urbanizará a promotora que ostenta a titularidade deste ámbito.