O Concello coordina co Vales Villamarín o inicio do servizo de comedor ao verse afectado polas obras de mellora do centro.

A alcaldesa, María Barral, visitou as obras de mellora do colexio Vales Villamarín co fin de valorar xunto aos técnicos da Xunta e a dirección do centro o desenvolvemento das mesmas a falta dunhas semanas para o inicio do curso escolar. De feito, un dos principais obxectivos da reunión era coordinar o servizo de comedor, asumido polo Concello, que se verá afectado polas obras.

O novo espazo previsto non estará dispoñible para o inicio do curso. Máis ben, ata finais do primeiro trimestre de curso non estará operativo o novo comedor,  segundo explicaron hoxe os técnicos á alcaldesa, despois de que durante os traballos atopáronse “ con algún imprevisto que vai atrasar as obras nesta parte do edificio”, indicou a primeira edil.

Neste sentido, os responsables dos traballos xunto coa Xunta habilitarán nunha parte próxima ao antigo comedor varios espazos que se utilizará de modo provisional ata que non conclúan as obras. “Desta forma  polo que corresponde ao Concello, tras a reunión podemos garantir que haberá servizo de comedor desde o primeiro día de curso. Será nas dúas quendas establecidos, que se manterán despois durante o curso”.

Ademais da zona de comedor, o Concello coordinará coa dirección do centro diversos traballos “de limpeza das instalacións e de colocación de mobiliario para facer posible que as clases comecen o día 8 de setembro”, sinalou Barral.

“Serán días de moito traballo, porque as obras van acondicionar en boa lóxica o inicio do curso. Haberá unha coordinación permanente entre o Colexio, a empresa que realiza as obras e o Concello para que todo estea nas mellores condicións e que, por encima de todo, prevaleza a seguridade dos alumnos e alumnas que durante unhas semanas terán que convivir coas obras que se están realizando no colexio”.

A primeira edil instou a que os traballos se aceleren ao máximo para que afecten o menos posible ao comezo do curso, consciente de “a dificultade que todo iso conleva”.

María Barral lembrou que o orzamento que o Concello destina ao servizo de comedor incrementouse para dar cobertura a todas as persoas que o solicitan, que supón máis do  50% do alumnado do centro, motivo polo que  se establecen dúas quendas para comer polas limitacións de espazo físico.

A alcaldesa destacou a aposta polos programas de conciliación e a preocupación social do goberno local que ven reflectidos tamén neste servizo que demostra que “tanto a conciliación como a protección social de menores en situación de risco de exclusión son unha prioridade para este goberno, que mantén unha aposta clara por un servizo que non é de competencia municipal, existindo moi poucos comedores escolares en Galicia xestionados polos concellos”.