
Camariñas vén de finalizar os traballos de renovación do peche perimetral das pistas situadas en Xaviña, Santa Mariña, Camelle e Ponte do Porto, nunha actuación orientada a mellorar a seguridade e a funcionalidade destes espazos deportivos e de lecer.
As obras contaron cun orzamento de 30.000 euros, financiados a través do Plan Único da Deputación da Coruña, unha liña de apoio fundamental para a execución de actuacións de mellora nas infraestruturas municipais.
Esta intervención permitiu actuar sobre o cerramento exterior destas áreas de xogo, co obxectivo de ofrecer unhas instalacións en mellores condicións para o uso diario por parte da veciñanza, especialmente da mocidade e das persoas usuarias habituais destes espazos.
Dende o Concello destacan que esta actuación forma parte do compromiso do goberno local coa posta a punto e mantemento das instalacións deportivas e recreativas repartidas polas distintas parroquias do municipio, favorecendo así un uso máis seguro, cómodo e axeitado.
Con esta renovación, o executivo municipal continúa avanzando na mellora dos equipamentos públicos, contribuíndo a que estes espazos sigan sendo puntos de encontro, actividade física e convivencia para a cidadanía.


