

Sete meses despois da aprobación inicial e unha vez analizadas e resoltas as alegacións presentadas, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe de xeito provisional o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) para a implantación dunha área deportiva na Lagoa.
A única diferenza con respecto ao documento inicial é un pequeno incremento de superficie, que pasa de 81.551 a 81.823 metros cadrados debido á inclusión dentro do ámbito da superficie total das parcelas catastrais ocupadas en parte pola rúa Vila de Negreira. A intervención urbanística prevista ten unha dobre finalidade: proxectar un espazo para novas instalacións deportivas, que resultan moi necesarias no noso concello dado o incremento constante do número de entidades e de practicantes de diferentes deportes, e aproveitar un entorno natural que se poida empregar para a práctica da actividade física por parte de calquera persoa.