A Xunta reformará e ampliará o centro de saúde de Carballo para transformalo en centro integral de saúde da comarca de Bergantiños

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o alcalde de Carballo, Daniel Pérez López, asinaron un convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e a Administración local para a execución das obras de reforma e ampliación do centro de saúde desta localidade, para a súa transformación en Centro Integral de Saúde da comarca de Bergantiños.

Tal e como establece o acordo asinado, o Servizo Galego de Saúde comprométese á elaboración, á supervisión e á aprobación do proxecto técnico, así como a contratar, dirixir e executar as obras de reforma e ampliación do centro de saúde para a súa transformación en Centro Integral de Saúde con cargo aos orzamentos autonómicos.

Pola súa banda, o Concello comprométese á cesión do terreo, cunha superficie de preto de 3.900 m2, para proceder á reforma e ampliación do centro, que será cedido para uso sanitario. A cesión será elevada a escritura pública e inscrita no rexistro da propiedade.

O Concello tamén está obrigado a asumir os gastos necesarios para dotar a parcela do Centro Integral de Saúde das infraestruturas necesarias, tales como accesos rodados e peonís, abastecemento de auga, saneamento, subministración eléctrica, alumeado, telefonía, aparcadoiro, etc.

Ademais, toda a urbanización, así como o mantemento futuro da parcela cedida ao Servizo Galego de Saúde, será por conta do Concello, incluídas as beirarrúas, axardinamento e aparcadoiro, tanto no interior como no exterior da parcela cedida.

O Concello de Carballo comprométese, ademais, a regular no prazo dun ano desde a sinatura do convenio, na ordenanza fiscal, a exención do pagamento do imposto sobre bens inmobles a favor dos centros sanitarios de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia. Esta exención deberá estar en vigor na data de recepción das obras.

Plan de infraestruturas sanitarias da Xunta

A reforma e ampliación do actual centro de saúde de Carballo para a súa conversión en Centro Integral de Saúde enmárcase na fase 1 do Plan de Infraestruturas sanitarias da Xunta.

A reforma prevista suporá que o centro medrará en máis de 1.800 m2 e pasará a contar cunha área integral da muller na que haberá unha consulta de obstetricia e rehabilitación de solo pelviano.

O Centro Integral de Saúde disporá, tamén, dunha área integral de hemodiálise para 25 postos, evitando que os pacientes se teñan que desprazar á Coruña.

O novo centro aumentará, ademais, a área de especialistas cunha consulta de enfermería, unha de reumatoloxía, unha de cirurxía, ademais de exploración oftalmolóxica.

Ademais das consultas de medicina familiar e comunitaria e de enfermería, contará con sala de lactancia, salas de docencia, consulta de saúde mental e sala de xuntas, entre outros.