
Cogami recoñece o apoio do Concello de Carballo á discapacidade e o traballo «pola plena inclusión e participación na sociedade das persoas con discapacidade en igualdade de condicións”. O noso concello estivo representado na multitudinaria gala de entrega, celebrada na Cidade da Cultura, polo alcalde, Daniel Pérez, e os concelleiros Luis Lamas, Miguel Vales e Ramón Varela.
O alcalde manifestouse honrado de compartir premio cunha empresa como Vegalsa-Eroski e un científico da talla de Ángel Carracedo. Daniel Pérez dedicoulle o galardón ao seu antecesor, Evencio Ferrero, e aos compañeiros e compañeiras do grupo municipal, cuxo traballo fixo posible o recoñecemento. Así mesmo, lembrou con orgullo que Carballo foi un concello pioneiro na contratación reservada a centros especiais de emprego, e louvou o traballo que están a desenvolver na limpeza viaria, o mantemento das zonas verdes, a limpeza de edificios ou a xestión das feiras e mercados. “A todas, moitas grazas por facer de Carballo un bo lugar para vivir”, dixo.