
O Concello de Muros continúa avanzando no seu plan de mantemento e posta a punto das zonas verdes e espazos públicos do municipio. Nesta ocasión, os traballos centráronse na área recreativa de Ventín, onde se levaron a cabo actuacións de roza, limpeza e acondicionamento.
Dende a Concellería de Obras e Servizos, dirixida pola concelleira Laura Rivadeneira, desenvolvéronse nestes días labores de mellora neste espazo, que abrangue o parque infantil, as pistas polideportivas, as zonas de aparcamento e os accesos á praia. Segundo informa o Concello, estes traballos foron executados por empresas externas.
A alcaldesa de Muros, María Lago, sinalou que “o obxectivo destas actuacións é mellorar o estado xeral da área e garantir que a veciñanza e visitantes poidan desfrutar dun entorno coidado, cómodo e seguro, especialmente nestas datas nas que aumenta o seu uso”.
Ademais, a rexedora lembrou que o Pleno da corporación aprobou recentemente un proxecto de substitución do parque infantil, unha actuación que permitirá renovar por completo as instalacións e dotar este espazo dun novo equipamento.
Estas intervencións en Ventín forman parte do traballo continuo de mantemento que o Concello está a desenvolver en distintos puntos do municipio, co obxectivo de dar resposta ás necesidades acumuladas tras os meses de inverno e mellorar o estado dos espazos públicos para uso da cidadanía.


