O Concello de Negreira mellora o paseo fluvial e prepara o Refuxio de Covas para o verán

O Concello de Negreira continúa avanzando na mellora e posta en valor dos seus espazos públicos cunha nova actuación no paseo fluvial, un dos enclaves naturais máis utilizados pola veciñanza.

Ao longo da última semana leváronse a cabo traballos de limpeza e reposición do firme de zahorra natural nas zonas máis afectadas polas enchentes invernais. Estas actuacións permiten recuperar o estado do paseo, garantindo un espazo seguro, accesible e en condicións óptimas para o seu uso.

As tarefas realizadas pola brigada de servizos incluíron a explanación do terreo, así como a reposición e compactado da zahorra, dentro do compromiso municipal co mantemento do entorno, a prevención de danos e o coidado dos espazos de uso diario.

A intervención completarase coa retirada de árbores caídas ou en mal estado, unha medida clave para reducir riscos e protexer a canle fluvial ante posibles episodios meteorolóxicos adversos.

De forma paralela, o Concello tamén está a traballar na posta a punto do Refuxio de Covas de cara á tempada estival. As actuacións inclúen labores de limpeza, pintado interior e a próxima incorporación de novo mobiliario e equipamento.

Este espazo, moi demandado pola veciñanza, consolidouse como un importante punto de encontro social cun alto nivel de ocupación ao longo de todo o ano.

Dende o Goberno local reitérase a aposta por uns servizos públicos de calidade e polo coidado do patrimonio común, co obxectivo de ofrecer á cidadanía espazos dignos, útiles e vivos.