O Concello propón a adxudicación do novo centro de saúde de Santa Lucía, cuxa obra comezará antes de que remate o 2025

Conta atrás para o inicio das obras de rehabilitación do antigo mercado de Santa Lucía, unha intervención fundamental para os barrios da Falperra e do Ensanche, e que permitirá construír un novo centro de saúde e un centro cívico tras o acordo asinado a finais de xuño polo Concello da Coruña e a Xunta.

Neste sentido, esta semana avanzouse na resolución dos trámites administrativos previos ao inicio das obras, valoradas en máis de dez millóns de euros. A Mesa de Contratación do Concello da Coruña, presidida por Manuel Ángel Jove, director de Administración Xeral, avaliou esta semana as ofertas presentadas ao concurso, sendo a do Grupo San José a que obtivo máis puntuación no proceso.

Entre os aspectos destacados da oferta do Grupo San José está o feito de que rebaixa nun 6,22 % o importe inicial asociado ao investimento da obra -isto é, case medio millón de euros menos-, e, ademais, prevé diminuír en tres meses o prazo de execución dos traballos, reducindo este a 15 meses. O investimento total achégase aos 10 millóns de euros. 

A empresa presentará agora a documentación requerida antes de elevar á Xunta de Goberno a proposta de adxudicación. Despois abrirase un periodo de 15 días para posibles alegacións. Asi, a previsión é que se poda asinar o contrato este outono e iniciarse as obras antes do remate do 2025. 

«A recuperación de Santa Lucía para dispor dun novo centro de saúde e máis equipamentos de usos múltiples era unha demanda histórica do barrio da Falperra que xa estamos máis preto de ver cumprida. Asumimos o compromiso de que o novo Santa Lucía sexa unha realidade neste mandato e así o faremos», dixo a alcaldesa, Inés Rey.