O deputado Oscar Insua leva ao Parlamento galego a preocupación da veciñanza de Brenlla pola instalación dunha antena de telefonía preto de vivendas

O parlamentario nacionalista visitou en Coristanco o terreo onde instalaron a antena e reuniuse cos veciños e veciñas, acompañado do portavoz municipal Henrique Serra, para escoitar as súas inquedanzas e demandas.

Coristanco, 13 de febreiro de 2026. O deputado do BNG por Bergantiños e a Costa da Morte, Oscar Insua, mantivo unha xuntanza este xoves 12 de febreiro coa veciñanza de Brenlla, en Coristanco, para escoitar de primeira man a súa preocupación pola instalación dunha antena de telefonía móbil no lugar, que se atopa moi preto das vivendas.


O parlamentario nacionalista, que estivo acompañado polo voceiro municipal do BNG, Henrique Serra, anunciou que vai a levar o asunto ao Parlamento galego con diversas iniciativas para que a Xunta de Galiza atenda as demandas dos veciños e veciñas de Brenlla.


O BNG de Coristanco sinalou que os afectados do lugar dirixíronse ao Concello para pedir ao goberno local que fixese as xestións oportunas para que as súas reivindicacións sexan atendidas, “mais a acollida por parte das autoridades municipais non foi todo o boa que era de agardar”, polo que o deputado vai pedir “que interveña a Xunta de Galiza para tratar de buscar unha solución satisfactoria para todos”.
O portavoz en Coristanco, Henrique Serra , declarou que “o alcalde debera mostrar máis sensibilidade coas demandas da veciñanza afectada, porque a súa función é defender os intereses dela, non os das empresas instaladoras”.


Oscar Insua manifestou que “é sospeitoso que no Concello non souberan nada sobre a localización da antena cando esta púxose nunha parcela pertencente a un membro da lista do alcalde porque ningún veciño quixo ceder ou negociar coa empresa para instalar esa antena. Supoño que haberá máis sitios onde poñela, sin ser tan preto das vivendas e cumprir igualmente o fin de mellorar a cobertura nesa zona”.