O elenco da ópera ‘Carmen’ fará un recital este venres na exposición ‘Quino na música’

Este venres 22 de agosto, ás 20.00 horas, celebrarase na exposición ‘Quino na Música’ un recital operístico no que participará o reparto da obra ‘Carmen’, que abrirá a LXXIII Tempada Lírica da Coruña no Palacio da Ópera os días 5 e 7 de setembro. Trátase dunha colaboración entre o festival Viñetas desde o Atlántico e Amigos da Ópera, que contan co apoio do Concello. «Desde o Goberno de Inés Rey buscamos crear sinerxías entre os grandes eventos culturais da cidade e nesta ocasión ofrecemos á cidadanía unha experiencia única que nunca antes se fixo», indicou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.

A intervención, que se celebrará na sala de exposicións municipal de Palexco, materializarase en forma de pequeno recital operístico protagonizado polas mezzosopranos Sofija Petrovic e Irene Zas, os tenores Oreste Corismo e Eduardo Pomares e a soprano Susana García. O pianista será Damiano Cerutti mestre repetidor en Carmen (levará un clavinova porque o traslado dun piano supón un custo importante)

Ditos cantantes participan na ópera ‘Carmen’ interpretando os roles de Carmen e Mercedes, don José e Le Remendado e Frasquita . Este é, á súa vez, o título con que se abrirá a LXXIII Tempada Lírica da Coruña e da que na actualidade están a realizarse os ensaios.

Trátase dunha oportunidade única de pór voz á imaxe gráfica dunha exhibición que, por primeira vez, se pode ver na península, na que se lembra, ademais, a faceta máis melómana de Quino. Búscase unir a música e a banda deseñada aproveitando, precisamente, o amor que Quino tiña pola música. A duración aproximada será de 15-20 minutos. Sofija e Oreste farán un aria de Carmen e o resto de artistas interpretará cada un deles un tema que non se corresponde con Carmen.

A chegada de ‘Quino na música’ a Galicia supón un dos actos centrais da edición 2025 do Viñetas desde o Atlántico. A exposición reforza o compromiso do festival co recoñecemento internacional da banda deseñada como arte maior e coa promoción de autorías que marcaron xeracións de lectores e lectoras en todo o mundo. O evento de referencia da banda deseñada en Galicia bateu este ano o seu récord de asistencia con máis de 120.000 persoas.