
Durante a pandemia, mantivémonos atentos tanto á prensa estatal como á local, e en QPC realizamos ata tres entrevistas en profundidade analizando a evolución da COVID-19. Por iso, é unha gran satisfacción anunciar o recoñecemento que recibirá o epidemiólogo muradán Juan Gestal Otero o vindeiro 22 de novembro. A Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela acollerá o acto con motivo do 40 aniversario da Asociación de Balnearios de Galicia, entidade que quere distinguir ao doutor Gestal coa Medalla Balnearios de Galicia polo seu compromiso e contribución ao desenvolvemento da hidroloxía médica na comunidade.
O xerente de Balnearios de Galicia, Benigno Amor, destacou que “a Asociación naceu hai corenta anos impulsada pola confianza no potencial das nosas augas e na súa calidade como elemento terapéutico”. Engadiu tamén que “mentres en Europa a cura balnearia xa era subvencionada pola Seguridade Social, en Galicia seguimos traballando para demostrar que mellora a calidade de vida dos usuarios e reduce o gasto farmacolóxico”. Este propósito levou, en 2010, á creación da Cátedra de Hidroloxía Médica coa Facultade de Medicina da USC. “Agora queremos recoñecer o traballo do doutor Gestal, o seu compromiso coa formación dos futuros médicos e coa divulgación das propiedades terapéuticas das nosas augas entre a comunidade sanitaria e a sociedade en xeral”, sinalou Amor.
Impulsor da Cátedra xunto ao falecido doutor Luis Rodríguez Míguez, Gestal —profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago— amosou o seu agradecemento pola homenaxe. Lembrou que a docencia de Hidroloxía Médica comezou na Facultade de Medicina en 2006, froito dun acordo coa Asociación, e que catro anos máis tarde, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, naceu oficialmente a Cátedra de Hidroloxía Médica, a segunda deste tipo en España. Desde entón, máis de 2.000 alumnos teñen recibido formación neste campo especializado.