O novo miradoiro de Gabenlle cada vez mais preto

A Deputación acaba de sacar a licitación o proxecto para construír un miradoiro na área recreativa de Gabenlle, en A Laracha. A iniciativa, impulsada polo Concello, forma parte do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino Os fogóns do Anllóns, promovido polo ente provincial.

O documento técnico foi elaborado pola Fundación Juana de Vega por encargo municipal e conta cun orzamento de 20.000 euros. A actuación financiarase con fondos Next Generation EU ao abeiro do convenio entre a Axencia de Turismo de Galicia e a Deputación. As empresas interesadas teñen de prazo ata o 3 de decembro para presentar as súas ofertas.

O obxectivo principal é crear un miradoiro que contribúa a reforzar o valor ambiental, paisaxístico e educativo da contorna de Gabenlle, coa intención de potenciar este espazo natural situado xunto ao río Anllóns.

O proxecto aposta por unha intervención sostible e integradora, baseada no uso de materiais naturais do propio lugar, como troncos de piñeiro obtidos dunha entresaca forestal planificada para favorecer a evolución cara a un bosque mixto e de ribeira. Ademais, prevese a plantación de especies autóctonas co fin de aumentar a biodiversidade e mellorar o ecosistema.

A proposta inclúe a creación de camiños e pavimentos feitos con toradas de madeira, áreas de descanso, elementos de xogo natural, unha bancada orientada ao río, hoteis de insectos integrados en estruturas de troncos —algúns deles intervenidos cromaticamente para atraer polinizadores— e un sistema de sinalización interpretativa en madeira que ofrecerá información divulgativa sobre os valores naturais e os servizos ecosistémicos da zona.