
A Baña, 26 de marzo.- O Pleno do Concello da Baña, celebrado este mércores 25 de marzo, abordou diversos asuntos relacionados coa xestión económica municipal, a mellora das infraestruturas de abastecemento de auga e o compromiso institucional coa igualdade.
Un dos puntos principais da sesión foi a aprobación de dous expedientes extraxudiciais de crédito por un importe total de 194.075,35 euros, destinados ao pagamento de facturas pendentes correspondentes ao exercicio 2025. Segundo explicou o goberno municipal, esta medida permitirá facer fronte ás obrigas económicas acumuladas e avanzar na regularización da situación contable do Concello.
No ámbito das infraestruturas, a Corporación aprobou por unanimidade a bonificación do 90% do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) á Comunidade de Usuarios de Augas de Busto, co obxectivo de facilitar a execución de obras de mellora na traída e nos depósitos de auga.
Trátase dunha actuación considerada prioritaria para reforzar o servizo de abastecemento e garantir unhas mellores condicións de subministración para a veciñanza da zona.
Outro dos acordos adoptados por unanimidade foi a aprobación da moción presentada polo BNG con motivo do Día Internacional da Muller, a través da cal o Pleno reafirma o compromiso do Concello da Baña coa igualdade real entre mulleres e homes, o apoio á loita feminista e a necesidade de incorporar a perspectiva de xénero en todas as políticas municipais.
Deste xeito, a sesión plenaria deixou aprobadas medidas de carácter económico, actuacións vinculadas á mellora dos servizos básicos e un posicionamento institucional claro en favor da igualdade.