O PP garante que a Xunta de Galicia traballa na reapertura da entrada de auga na lagoa de Baldaio


Os deputados do PP Rubén Lorenzo, Carmen Pomar e Gonzalo Trenor reafirmaron este sábado o compromiso da Xunta de intervir de maneira inmediata na ría de Baldaio, en Carballo, co obxectivo de restablecer a entrada de auga do mar e recuperar o intercambio mareal. Os parlamentarios desprazáronse pola mañá á zona para comprobar o estado do areal e anunciar que os traballos se executarán nos vindeiros días.

Segundo explicaron, a Xunta procederá a abrir de novo o canal que comunica a ría co océano para recuperar a dinámica natural deste espazo. Sinalaron que esta actuación permitirá “garantir o mantemento do ecosistema e un estado de conservación axeitado para a flora e a fauna”.

Os representantes populares indicaron que, tras constatar que nesta ocasión a dinámica natural non foi suficiente para reabrir o paso, será necesaria unha intervención directa para que os veciños e o sector marisqueiro poidan retomar con normalidade a súa actividade en Baldaio. Recordaron tamén que situacións semellantes xa se deran nos anos 2020 e 2023, cando a acumulación de area obrigou a executar traballos similares.

Nesta nova intervención, a Xunta asumirá as tarefas precisas para asegurar a apertura dun canal que permita restablecer o fluxo mareal e garantir o funcionamento adecuado deste espazo litoral, un dos humidais máis singulares da comarca.