
O grupo do Partido Popular na Deputación da Coruña reclama ao Goberno provincial que valore un proxecto máis ambicioso para a estrada DP-1601, que conecta Ponche do Porto e Camelle, en lugar de limitarse a un simple reasfaltado.
Segundo explicou o portavoz popular, Evaristo Ben, trátase dun tramo con curvas perigosas e un alto índice de sinistralidade, polo que os veciños consideran insuficiente a intervención prevista. Lembrou ademais que o pleno do Concello de Camariñas xa aprobou por unanimidade solicitar unha actuación distinta para evitar “malgastar o diñeiro nun proxecto que podería non resolver o problema de seguridade viaria”.
Ben denunciou igualmente os “atrasos importantes” na área de vías e obras da Deputación, que atribúe á “falta de vontade política, ganas e capacidade”. Como exemplo citou a senda de Lestimoño, aprobada en marzo de 2023 e dotada cun millón de euros, pero aínda sen executar.
O deputado popular preguntouse por que non se actúa e advertiu que espera que non se deba ao cambio de goberno en Ponteceso. Criticou tamén á responsable provincial de vías e obras, a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, a quen insta a asumir outra responsabilidade que lle permita compatibilizar o seu labor municipal coa institucional.