O proxecto Aloumiños chega o seu final

O proxecto Aloumiños (iniciativa impulsada polo Servizo Galego de Saúde e o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia que buscou reforzar o benestar emocional, a convivencia e o acompañamento social da cidadanía) chega ao seu final. E faino deixándonos unha fermosa pegada.

Durante semanas e da man de Javier Villaverde —educador social que puxo corazón, profesionalidade e sensibilidade en cada sesión— cada mércores á Biblioteca Municipal converteuse nun espazo vivo, cheo de confidencias, aprendizaxes, humor, apoio mutuo e moita humanidade. Entre cuncas de café, conversacións honestas e actividades compartidas, creouse algo máis ca un grupo: formouse unha pequena comunidade de coidado e forza compartida.

Desde o Concello de Coristanco queremos:

🤍 Agradecerlle a Javier o seu esforzo, a súa implicación e a súa capacidade para conectar, escoitar e acompañar. O seu traballo fixo que Aloumiños fose moito máis que un programa: foi unha experiencia vital para moitas persoas.

🤍 Recoñecer o compromiso das participantes, que cada semana trouxeron ilusión, ganas e valentía para abrirse, aprender e camiñar xuntas.

🤍 Poñer en valor a colaboración institucional, que fixo posible desenvolver este proxecto de maneira coordinada.