
Dende o PSdeG-PSOE Provincial da Coruña responsabilizan ao Goberno galego por «poñer o sector en mans de grandes empresas»
A Coruña, 5 de febreiro de 2026. O PSdeG-PSOE Provincial da Coruña reclámalle á Xunta que se implique no conflito laboral para evitar que se prolongue a folga de transporte por autobús na provincia.
Dende o Partido Socialista responsabilizan da situación ao Goberno galego e en particular a Diego Calvo e Ethel Vázquez, logo de «poñer o sector en mans de grandes empresas e acabar con moitas pequenas».
Ademais, sinalan á Xunta como culpable do «caos» que hai no transporte. Estas razóns serían as causantes para o PSdeG provincial de que a situación vaia a peor agora cunha folga indefinida: «agravará o caos dos buses».
«Nin Ethel Vázquez nin Diego Calvo deron solución aos problemas do transporte, estiveron de perfil nun tema que afecta á vida diario de miles de persoas», lamentan.
O Grupo Provincial Socialista na Deputación da Coruña aprobou no seu momento, o pasado día 23 de xaneiro, unha moción conxunta co BNG neste sentido.
No texto da moción aprobada no pleno da Deputación ínstase á xunta a reunirse coa parte social da mesa de negociación do convenio colectivo co obxectivo de mediar no conflito.
Tamén a dirixirse ás empresas concesionarias do transporte público por estrada, «lembrándolles a súa obriga de negociar de boa fe e de garantir condicións laborais dignas nun servizo esencial para a cidadanía».