O PSDEG DA LARACHA CRITICA QUE O CONCELLO SIGA SEN ORZAMENTOS A PESAR DA MAIORÍA ABSOLUTA DO PP 

-Inés Ramos López critica «a pésima xestión do PP, que non é capaz de aprobar orzamentos en tempo e forma» 

A Laracha, 20 de xaneiro de 2026. A portavoz socialista na Laracha, Inés Ramos, critica que o Goberno municipal do PP aínda non teña aprobados os orzamentos deste ano. Para Ramos, esta situación demostra “incapacidade de xestión, descoñecemento da realidade e un desprezo absoluto pola veciñanza da Laracha”. 

Segundo explicou, o PP goberna con maioría absoluta, polo que non ten que negociar con ningún outro partido. “Se non teñen que pactar con ninguén, por que o orzamento non está listo? Onde están os orzamentos da Laracha para 2026?”, preguntou a voceira socialista, que censurou «a pésima xestión do PP, que non é capaz de aprobar orzamentos en tempo e forma». 

Continuou afirmando que o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, «demostrou a semana pasada a súa inconsistencia como alcalde, cando levou no último minuto a un pleno a aprobación das subvencións que se solicitan á Deputación da Coruña». «Nin para pedir financiación é dilixente”, lamenta. 

Dende o PSOE da Laracha sinalan directamente a López Varela como responsable do atraso. “Os veciños pagan os seus impostos desde o primeiro día do ano, pero o Goberno municipal non cumpre coa súa obriga de xestionar e planificar”, denunciou Ramos. 

A portavoz advertiu tamén de que este atraso ten consecuencias reais para a xente: “Sen orzamento novo non hai novas obras nas parroquias, nin melloras nos servizos, nin novas axudas». «O Concello está parado porque o PP decidiu non darse présa”, afirmou. 

Por último, o Grupo Socialista esixiu ao Goberno local que presente canto antes as contas municipais e que explique publicamente por que non cumpriu cos prazos. “A maioría absoluta debería servir para facer as cousas máis rápido e mellor, non para chegar tarde”, concluíu Ramos.