O PSDEG DE ZAS CONTINURÁ RECLAMANDO SOLUCIÓNS PARA A SITUACIÓN DOS CENTROS EDUCATIVOS E DO CENTRO DE SAÚDE DO MUNICIPIO

A concelleira socialista, Sheila Rial, asistiu ao Parlamento de Galicia para seguir a resposta da Xunta sobre o estado do CEIP Labarta Pose e do CPI de Zas 

– O PSdeG de Zas mantén tamén activa a reivindicación dunha praza de pediatría e melloras no centro de saúde 

Zas, 14 de febreiro de 2026. O PSdeG de Zas reafirma o seu compromiso de continuar impulsando iniciativas institucionais e realizando seguimento político ata que existan solucións ás deficiencias detectadas nos centros educativos do municipio e á situación sanitaria local. Así o trasladou Sheila Rial tras asistir o pasado mércores ao Parlamento de Galicia para escoitar a resposta do conselleiro de Educación a unha pregunta formulada pola deputada Patricia Iglesias sobre o estado dos centros educativos do concello. 

Segundo explicou Rial a súa presenza na sesión parlamentaria produciuse despois de visitar os centros e comprobar persoalmente a situación das instalacións. “Visitando os centros puiden constatar o mal estado dos teitos nun estado que non garante seguridade no CEIP Labarta Pose e no CPI de Zas. Confeso que se me caeu a alma aos pés ao ver a situación de humidades, frío e inseguridade na que docentes e alumnado teñen que convivir cada día”, declarou Rial. 

A socialista lamentou a resposta ofrecida polo conselleiro, sinalando que, ao seu xuízo, non se concretaron solucións nin prazos de actuación. “Só se adicou a botar balóns fóra e comezar un xogo de pasar responsabilidades duns a outros, e ambos acaban poñendo o foco máis na imaxe que nas solucións reais, mentres quen segue sufrindo as consecuencias son, como sempre, os nenos e nenas”, afirmou. 

Desde o grupo socialista indican que o traballo arredor desta problemática “vén de atrás” e que tomou forma en setembro cunha reunión coa ANPA e coa presentación de emendas aos orzamentos da Xunta destinadas a mellorar a situación dos centros, propostas que, segundo sinalan, foron rexeitadas. 

“O traballo está presente pena que haxa quen pretenda apropiarse del, vender titulares e colgarse medallas alleas. Pero se algo teño claro é que non vou cambiar de liña: seguirei traballando e poñendo o foco onde corresponde, estando onde hai que estar cando as cousas non funcionan”, engadiu Rial. 

A concelleira tamén recoñeceu o labor das ANPAS e das direccións dos centros educativos, destacando o seu traballo “incansable, valente e intachable”. 

Situación sanitaria 

No ámbito sanitario, Sheila Rial participou recentemente nunha reunión convocada polo Concello sobre a situación do Centro Médico de Zas, á que acudiu, segundo explicou, para escoitar as demandas da veciñanza. 

Durante o encontro abordouse a falta de pediatra no municipio, unha cuestión que, segundo lembrou Rial, xa fora trasladada á Xunta en xullo de 2024 tras unha reunión con nais que anteriormente formaban parte da Plataforma Zas sen Recortes en Pediatría, a través da deputada Patricia Iglesias. 

“Seguimos sen pediatra. Non é un tema esquecido, segue enriba da mesa e será debatido e continuarase esixindo responsabilidades”, afirmou. 

Na reunión tamén se abordaron outras necesidades do centro de saúde, entre elas a falta de accesibilidade das instalacións. 

O PSdeG de Zas insiste en que continuará realizando seguimento institucional destas cuestións e mantendo contacto coa veciñanza ata que se produzan avances concretos.