O PSdeG-PSOE da Laracha esixe medidas urxentes ante a «situación estrutural» de incendios en Caión 

A voceira Inés Ramos alerta de que a parroquia sufriu dous lumes en menos de quince días e reclama á Xunta un plan de autoprotección específico ante o risco de cara ao verán 

Na Laracha, a 8 de abril de 2026. 

O Grupo Municipal Socialista da Laracha presentou unha moción para o seu debate no Pleno ante a “profunda preocupación” que vive a veciñanza de Caión polos últimos incendios forestais rexistrados na parroquia. A voceira socialista, Inés Ramos López, urxe á Xunta de Galicia e ao Goberno local a pasar dunha “reacción tardía” a unha política de prevención real e permanente. 

Desde o PSdeG-PSOE sinalan que a parroquia viviu nas últimas semanas unha primavera marcada polo lume. En menos de quince días producíronse dous incendios de magnitude: un a finais de marzo, que arrasou máis de 33 hectáreas de monte, e outro o pasado 6 de abril, que, segundo indicaron os socialistas, “provocou unha gran columna de fume e tivo afección directa na vida diaria da veciñanza”. 

“Non estamos ante unha casualidade, senón ante as consecuencias dunha falta de acción sostida no tempo”, afirma Ramos. Para os socialistas, o feito de que estes lumes se produzan xa no mes de abril constitúe un aviso alarmante do que pode acontecer nos vindeiros meses. 

A través da moción presentada, o grupo socialista insta á Xunta de Galicia a reforzar as tarefas preventivas, cunha limpeza inmediata da biomasa nas zonas próximas ás vivendas e un incremento dos medios de vixilancia durante todo o ano. Tamén reclama maior transparencia sobre os últimos incendios, coa remisión de informes detallados que expliquen as súas causas e a superficie afectada. 

Outra das demandas recollidas no texto é a posta en marcha de plans de autoprotección e evacuación específicos para Caión e outras zonas con risco elevado, así como avanzar cara a un modelo de loita contra os incendios forestais máis profesionalizado e permanente. 

A iniciativa tamén inclúe peticións dirixidas ao Goberno municipal da Laracha, ao que se lle solicita intensificar os traballos de desbroce nos espazos públicos e impulsar campañas informativas para que a veciñanza coñeza as súas obrigas na xestión da biomasa e do monte. 

“A veciñanza non pode seguir asumindo o risco mentres as solucións non chegan. Despois do vivido en 2025, non podemos repetir os mesmos erros en 2026”, conclúe Inés Ramos.