O PSDEG-PSOE DE LARACHA DENUNCIA O “CAOS E INSEGURIDADE” NA CONTORNA DO CEIP RAMÓN OTERO PEDRAYO POR MOR DAS OBRAS

Os socialistas esixen medidas urxentes para evitar os atascos e garantir a seguridade dos escolares e das familias

Laracha, 1 de febreiro de 2026. O Grupo Socialista da Laracha, a través da súa voceira Inés Ramos, denunciou hoxe o estado «lamentable e perigoso» no que se atopa a contorna do CEIP Ramón Otero Pedrayo. A situación acadou hoxe, venres 30 de xaneiro, un punto crítico coincidindo coas precipitacións, que converteron as zonas en obras lindeiras ao colexio nun auténtico lodazal.

Inés Ramos sinalou que o que se vive hoxe non é un feito illado, senón unha situación recorrente «sempre que chove». A execución das obras ao carón do centro educativo, sumada á falta de medidas de drenaxe e organización, está a provocar graves problemas de mobilidade e seguridade.

Un «lodazal» para os peóns e atascos para o tráfico As imaxes captadas hoxe na zona amosan un terreo completamente enlamado que dificulta o paso das familias e dos escolares. «É intolerable que nenos e nenas teñan que sortear pozas de lama e auga para acceder ao seu centro de ensino», afirma a voceira socialista.

A esta situación súmase o caos circulatorio. Durante a xornada de hoxe rexistráronse importantes atascos e cortes de tráfico que colapsaron os accesos. A falta de sinalización adecuada e de alternativas viarias está a xerar situacións de tensión e perigo nunha zona de alta densidade peonil, especialmente en horario escolar.

Esixencia de responsabilidades Desde o PSdeG-PSOE da Laracha instan ao Goberno local a que actúe de inmediato. «As obras son necesarias, pero a súa execución non pode realizarse de costas á realidade do centro educativo nin poñendo en risco a seguridade viaria», apunta Ramos.

Os socialistas esixen ao Concello que actúe de inmediato, limpando e acondicionando os accesos de xeito urxente para eliminar a lama acumulada. Tamén reclaman que se reforce a seguridade viaria, con presenza policial ou persoal de organización, especialmente nos momentos de entrada e saída do alumnado. Ademais, piden que se garanta que as empresas adxudicatarias cumpran coas medidas mínimas de mantemento e limpeza da contorna durante todo o tempo que duren os traballos.

«Non podemos permitir que a desidia do Goberno local converta un día de choiva nun pesadelo para as familias da Laracha», concluíu Inés Ramos.