O PSDEG-PSOE DE MALPICA ESIXE Á XUNTA QUE RESTABLEZA O SERVIZO MÉDICO NO CENTRO DE BUÑO 

A atención no Centro Médico redúcese a dúas horas diarias e non se cubren urxencias, provocando derivacións aos hospitais 

Malpica de Bergantiños, 24 de xaneiro de 2026. O Centro Médico de Buño vese afectado por unha redución do servizo de medicina de familia, segundo se recolle en diversas queixas de usuarios e usarias. Actualmente, a atención préstase únicamente de 9:00 a 11:00 horas, en contraste co horario habitual que ía de 8:00 a 14:00 horas. 

Ademais, non se están asignando citas con máis dun mes de antelación e as urxencias derívanse aos hospitais, dado que no P.A.C. de referencia, en Carballo, o servizo de Urxencias non comeza ata as 15:30 horas. 

Dende o PSOE de Malpica denuncian «a falta de compromiso, tanto por parte da Xunta de Galicia coma por parte dos gobernantes do noso concello» e anuncian que emprenderán varias accións co fin de que se restableza o servizo médico coas mesmas condicións que antes: 

  1. 1. No pleno ordinario do 29 de xaneiro presentarán unha moción instando á Xunta de Galicia a restablecer o servizo médico en Buño. 
  1. 2. Se non se restablece o servizo de medicina de familia, o grupo parlamentario do PSdeG-PSOE fará unha reclamación na seguinte Comisión de Sanidade da Xunta de Galicia. 
  1. 3. Se tras 7 días de presentada a moción no pleno non se restablece o servizo anterior, proporán á veciñanza realizar unha recollida de firmas de protesta. 

Dende o PSOE de Malpica lamentan «a descriminación ao noso Concello por parte da Xunta de Galicia» e aseguran que «ao PSOE sempre nos encontrarán de fronte contra o desmantelamento dos servizos básicos, como neste caso, o do coidado da saúde dos nosos veciños e veciñas usuarios do Centro Médico de Buño».