O PSOE DA LARACHA ACUSA AO GOBERNO LOCAL DE «NON SABER ONDE INVESTIR OS CARTOS PÚBLICOS»

Inés Ramos critica uns orzamentos “sen ambición”, a redución de incentivos ás empresas e a falta de respecto institucional no minuto de silencio do 11M 

Na Laracha, a 13 de marzo de 2026. 

O Grupo Socialista da Laracha realizou unha valoración crítica do pleno municipal celebrado o mércores, no que se aprobaron os orzamentos de 2026 e varias modificacións fiscais. A súa voceira, Inés Ramos, cuestionou o modelo de xestión económica do goberno municipal e a falta de planificación nas principais decisións adoptadas. 

Por unha banda, dende o PSdeG local criticaron a forma na que o alcalde convocou o minuto de silencio polo Día Europeo en Memoria das Vítimas do Terrorismo e polos atentados do 11 de marzo de 2004. 

Segundo explicou Ramos, a iniciativa partía da FEMP, pero o acto realizouse e publicouse nas redes sociais do Concello sen avisar previamente aos grupos da oposición, a pesar de que ese mesmo día estaba convocado o pleno municipal. 

“Un minuto de silencio en memoria das vítimas do terrorismo é un acto institucional que debería representar a todo o Concello. Se ese día había pleno, o lóxico sería facelo coa presenza de toda a Corporación”, sinalou a portavoz socialista. 

Crítica aos orzamentos municipais 

A valoración máis dura do Grupo Socialista centrouse nos orzamentos municipais para 2026, que ascenden a 11,9 millóns de euros. 

“O señor López ten un serio problema cos cartos. Por un lado fala de accións que vai levar a cabo no Concello das que non sabemos de onde vai sacar os cartos e, por outro lado, deixa partidas absolutamente irrelevantes para cuestións importantes do concello como a accesibilidade ou a mobilidade”, sinalou Inés Ramos. 

Segundo afirmou a portavoz socialista, este problema de xestión do diñeiro público é «especialmente grave nun responsable político». “Nunca sabemos que é o importante, nunca sabemos onde vai empregar os cartos para aquilo que ten que solucionar a vida dos laracheses, nin cal é a prioridade á hora de investir”, engadiu. 

Ramos asegurou que esta falta de planificación tamén se reflicte nas propias contas municipais. Máis do 90 % do orzamento destínase a gasto corrente e apenas algo máis dun millón de euros a investimentos reais. 

Ademais, lembrou que máis de 6,6 millóns de euros dos ingresos proceden doutras administracións e que o nivel medio de execución do orzamento nos últimos anos apenas supera o 74 %. “Este non é un orzamento para transformar A Laracha. É un orzamento para que todo siga exactamente igual”, resumiu. 

O PSOE tamén criticou as cantidades destinadas a servizos básicos, como os 100.000 euros para pavimentación de vías públicas, apenas 20.000 euros para alcantarillado ou só 30.000 euros para emerxencia social en todo o municipio. 

Redución das bonificacións ás empresas 

Outro dos asuntos debatidos no pleno foi a modificación das ordenanzas fiscais do IBI, IAE e ICIO, que reduce do 95 % ao 80 % as bonificacións para empresas que crean emprego. 

Para o Grupo Socialista, a medida chega nun momento «pouco oportuno, especialmente cando está en marcha a ampliación do parque empresarial do municipio». 

“Se queremos atraer empresas e crear emprego na Laracha, o máis sensato é facilitar as cousas ás empresas, non poñerlles máis obstáculos”, explicou Ramos. 

En resumo, para os socialistas, o pleno deixou clara a falta de ambición do goberno municipal. “A Laracha necesita planificación, prioridades claras e un proxecto de futuro. O que estamos vendo é xusto o contrario”, concluíu Inés Ramos.