
Inés Ramos López lamenta que o PP “non responde nin á veciñanza nin á oposición sobre un tema de saúde pública”
A Laracha, 3 de febreiro de 2026. O PSdeG-PSOE da Laracha denuncia a “opacidade” do Concello respecto da posible presenza de amianto nas tiberías de fibrocemento das redes de abastecemento e saneamento da localidade, algo que provocou “un tirón de orellas da valedora do pobo”.
A voceira socialista local Inés Ramos López realiza unha valoración negativa do exposto polo grupo de goberno local no último pleno municipal, no que se tratou entre outras esta cuestión.
Para Ramos López, “o pleno do pasado xoves resume o que é o PP na Laracha, un goberno que renuncia a facer obras e que lle di non a todo o que propoñemos para mellorar a vida dos veciños”.
Por unha banda, a socialista explicou que “o Concello vai recibir máis de 1,6 millóns de euros da Deputación e o alcalde decidiu que non se faga nin unha soa obra nova con eses fondos básicos, todo vai para pagar facturas de luz, lixo e débedas”.
“A Laracha queda sen investimentos reais por unha mala xestión do orzamento municipal”, sinala, apuntando que os 138.000 do Plan Complementario para mellorar camiños en Erboedo e Soandres so se empregarán se sobra diñeiro da Deputación.
Na cuestión do amianto, a voceira socialista afirma que “o Concello agocha a información sobre o amianto ata o punto de que a Valedora do Pobo tivo que intervir”. “Na nota emitida dende o Concello despois do Pleno obviaron incluír esta información de real importancia”, critica.
“Para rematar, aproban un Plan Saudable que é pura propaganda”, indica por outra banda Ramos, xa que “pagar unha cota de 500 euros para saír nunha lista non mellora a saúde de ninguén se non hai un plan real detrás”.
Ciritca o rexeitamento do PP ás propostas socialistas de eliminar as marcas do vello paso de peóns da avenida Finisterre para evitar accidentes e que non se cobre o recibo da piscina mentras esta estea pechada: “Presentamos dúas melloras sociais e de seguridade lóxicas e o PP votou en contra de ambas”.
Ademais destas cuestións tratadas no pleno, dende o Grupo Municipal Socialista subliña a existencia doutras problemáticas na Laracha, “problemas graves e recorrentes no municipio que o goberno do PP continúa sen resolver”.
Enumeran os casos da rede de alcantarillado inexistente ou en situación moi precaria en núcleos como Coiro, a ausencia dun contedor de lixo demandado nesa parroquia, a falla de iluminación do parque Maximino Canedo, os deficientes accesos ao CEIP Otero Pedrayo e a ausencia de limpeza de rúas en numerosos puntos da vila como a avenida López Astray ou Epifanio Campo.
“Todo isto ten unha consecuencia clara: o reto demográfico”, conclúe Ramos, que remata dicindo que “non se pode pedir á xente que veña vivir aquí se non se garante un entorno agradable, con servizos básicos, seguridade, limpeza e espazos públicos en condicións”.