O PSOE de Muxía denuncia que a falta de limpeza é unha das principais queixas veciñais en 2025


O PSOE de Muxía denuncia que a falta de limpeza é unha das principais queixas veciñais en 2025

O PSOE de Muxía denunciou que a falta de limpeza nos núcleos do municipio se consolidou como un dos principais motivos de malestar entre os veciños ao longo de 2025. O portavoz socialista, Iago Toba, asegurou que “a falta de limpeza en Muxía é total, camiños rurais, núcleos rurais, núcleo muxián, zonas turísticas, áreas recreativas, o Camiño dos Faros e incluso os campos das festas durante todo o verán sen atender”.

Segundo explicou, esta situación esténdese por numerosos puntos do municipio e está xerando preocupación tanto entre a veciñanza como entre os responsables de negocios vinculados ao sector turístico. Toba lembrou ademais que a portavoz do PP, Sandra Vilela, afirmara nun pleno celebrado en abril que “todas as aldeas estarían limpas de cara ás súas festas, como non podía ser doutro xeito”, unha afirmación que considera contraditoria co panorama actual.

Como exemplo, o socialista apuntou aos casos de Ribas ou Añobres, onde, segundo indicou, se realizou “un ridículo lavado de cara” meses despois das súas celebracións patronais. Por este motivo, pediu ao Goberno local “que non se ría da veciñanza”.

Desde o grupo socialista sinalan tamén que houbo lugares nos que foron os propios residentes quen asumiron tarefas básicas de limpeza ante a falta de resposta municipal.