
Esta mañá, o Concello puxo en funcionamento tres novas bases do servizo municipal BiciCoruña, que suma estacións no Martinete e Novo Mesoiro e, desta forma, incrementa a 55 o número total de bases operativas na urbe coruñesa.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, indicou que a activación destas bases forma parte do plan de expansión que está a impulsar o Goberno de Inés Rey nos diversos distritos da Coruña, co obxectivo de reforzar a presencia do servizo en todos os barrios, dando continuidade á aposta pola mobilidade sostible no conxunto da cidade.
No caso da nova base do Martinete, está situada na rúa Manuel Ferrol, a carón da Urbanización Birloque. A esta súmanse outras dúas, con subministro eléctrico, no barrio de Novo Mesoiro -onde xa se habilitou unha no ano 2023-, que xa están habilitadas na avenida de Novo Mesoiro e en Fragas do Eume.
«A base do Martinete contará con subministro de enerxía solar, ao igual que dúas das bases que se activaron a semana pasada no parque de Vioño e a rolda de Monte Alto», agregou. A estas sumouse tamén a de Lonzas, posta en marcha días atrás.
O Concello prevé activar máis estacións nas vindeiras semanas
Tal e como informou a concelleira días atrás, a folla de ruta para ampliar o número de bases de BiciCoruña continuará nas vindeiras semanas.
A previsión é que proximamente se poñan en marcha novas estacións na contorna do parque de Bens e tamén preto de Monelos, na rúa Rafael Dieste.