
Os bombeiros dos Parques Comarcais de Galicia celebraron este luns en Santiago de Compostela unha asemblea xeral extraordinaria para analizar a situación das bases específicas dos procesos selectivos comprometidos pola Administración. A incorporación de novo persoal, prevista para 2024 co fin de compensar o exceso de horas traballadas, continúa sen executarse.
Na reunión aprobouse por unanimidade un conxunto de medidas: a negativa a realizar horas extraordinarias, a elaboración dun calendario de mobilizacións e concentracións fronte ao Consorcio da Coruña e a Dirección Xeral de Emerxencias, a presentación de reclamacións por vías administrativas, xudiciais ou penais, e unha campaña de información dirixida á cidadanía sobre a situación dun servizo que consideran esencial e deteriorado.
Os bombeiros denuncian que as bases de contratación son inadecuadas, que se incumpre o primeiro convenio colectivo e que a xestión dos consorcios provinciais —especialmente o da Coruña— é incapaz de resolver os problemas estruturais que arrastra o servizo.
No caso do consorcio carballés, o comité de empresa decidiu declarar persoa non grata ao seu xerente, José Luis Barca Añón, «pola súa actitude ante os problemas estruturais» que afectan o servizo.