
A Real Academia Galega e Alingua celebraron en Rois un encontro para coñecer polo miúdo o proxecto de promoción do idioma na infancia Modo galego, actívao! de cara á súa posible implantación en concellos que conforman esta asociación de entidades locais pola normalización lingüística, presidida polo concelleiro carballés Ramón Varela Rodríguez.
Os municipios coñeceron os detalles do programa de investigación e acción que a Real Academia Galega e o Concello de Ames desenvolven dende 2021. A proposta é singular tanto pola variedade e o número de axentes implicados, xa que inclúe propostas para máis de 2.500 alumnos e alumnas dos centros públicos amesáns, as súas familias, o profesorado e o persoal dos servizos complementarios de educación; como por combinar a posta en práctica de accións para a dinamización da lingua coa súa posterior avaliación por parte da RAG.
O presidente da Academia, Henrique Monteagudo, abriu a xornada canda o presidente de Alingua, Ramón Varela Rodríguez; o alcalde de Ames, Blas García; e o alcalde de Rois, Ramón Tojo. O encontro celebrouse tras a xuntanza mantida entre a RAG e Alingua o pasado mes de maio, na que ambas as partes acordaron iniciar unha liña de colaboración. Esta primeira acción pon o foco nunha experiencia que naceu con ánimo de ser replicable e na que resulta esencial a implicacións de entidades locais como as que conforman Alingua, unha rede composta por preto dunha vintena de concellos unidos pola vontade de fomentar todas aquelas accións que teñan como fin un maior uso do galego. “Concibimos Modo galego, actívao! como un proxecto piloto pero coa idea de estendelo a outros concellos”, recorda o presidente da Academia, Henrique Monteagudo.

O presidente de Alingua salientou a importancia dun acompañamento como o que ofrece a RAG a través de Modo galego, actívao!, e tamén a “capacidade única” dos propios concellos, pola súa proximidade á cidadanía, para “sermos exemplo e crear contextos de uso efectivo para a lingua”. “A colaboración da Academia é unha oportunidade para seguir avanzando xuntos. As nosas experiencias previas en proxectos colaborativos como Apego ou Youtubeiras amosan que, cando unimos esforzos, conseguimos resultados sólidos e inspiradores para o noso idioma. Agora queremos sumar os concellos que forman parte de Alingua a este programa posto en práctica con éxito en Ames para multiplicar espazos de uso para o galego”, engadiu Ramón Varela.