Ponteceso acolle un torneo de freestyle para poñer en valor o talento galego

O domingo 11 de outubro, o Concello de Ponteceso converterase no punto de encontro do talento do freestyle en Galicia, cun torneo de free libre que reunirá palabras, rimas, ritmos e ideas nunha xornada dedicada á expresión e á creatividade.

O evento nace co obxectivo de celebrar o talento que existe arredor do freestyle galego e reivindicar esta disciplina como unha forma de expresión artística, comunicación e liberdade creativa. Nun contexto motivador e significativo, as palabras convértense nunha ferramenta para crear, improvisar e experimentar coa linguaxe.

Pero o freestyle é tamén un auténtico ximnasio para a linguaxe e para o cerebro. A práctica desta disciplina favorece capacidades como a fluidez verbal, o enriquecemento do vocabulario, a conciencia fonolóxica, a capacidade de asociación, a atención e a memoria, ademais da flexibilidade cognitiva, a creatividade e a capacidade comunicativa.

Memoria + atención + linguaxe + creatividade.

Son diferentes capacidades cognitivas que se poñen en funcionamento ao mesmo tempo a través dunha actividade artística que combina improvisación, ritmo e pensamento rápido.

Así, o torneo de Ponteceso será moito máis ca unha competición: será unha oportunidade para compartir, crear e descubrir o potencial do freestyle como ferramenta cultural, educativa e de expresión persoal.

Unha cita para gozar das rimas, dos ritmos e, sobre todo, do TALENTAZO que hai no freestyle en Galicia, nunha data especial e cunha xente moi especial.