Portos de Galicia impulsa un estudo pioneiro para resolver a axitación no porto de Malpica

O Consello da Xunta deu luz verde este luns a un convenio de colaboración entre Portos de Galicia e a Fundación Universidade da Coruña (FUAC) para investigar solucións ao problema de axitación no interior da dársena do porto de Malpica a través dun modelo físico tridimensional.

Portos de Galicia destinará 262.000 euros a este acordo co obxectivo de mellorar a seguridade no recinto portuario, unha demanda histórica do sector pesqueiro local ante os riscos derivados das fortes correntes que se producen dentro da dársena, especialmente na zona das comportas.

O convenio permitirá avanzar na definición dunha solución técnica definitiva ao problema da denominada “onda longa”, un fenómeno que provoca movementos anómalos da auga e xera situacións de exposición extrema dentro do porto, dificultando as manobras de entrada e saída das embarcacións.

Para o desenvolvemento do estudo, o ente público encargou o traballo ao Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (Geama), pertencente á Fundación Universidade da Coruña. A investigación realizarase empregando a dársena multidireccional 3D do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (Citeec), unha infraestrutura de gran prestixio científico que permitirá simular o comportamento real do porto mediante un modelo físico experimental de gran tamaño.

Este enfoque experimental supón un avance significativo fronte aos tradicionais modelos matemáticos, xa que permitirá observar directamente o comportamento das correntes e avaliar distintas alternativas de solución antes da súa posible aplicación definitiva no porto.

O estudo terá unha duración aproximada de dez meses e contribuirá a ampliar o coñecemento científico sobre o fenómeno da onda longa, pouco estudado ata o momento e que non foi considerado na construción de moitas infraestruturas portuarias actualmente en funcionamento.

Desde a Consellería do Mar destacan que o obxectivo final do proxecto é mellorar a operatividade do porto de Malpica e reforzar as condicións de seguridade e de traballo dos profesionais do mar que desenvolven a súa actividade nesta zona da costa galega.