Radio Xallas, un luxo insostible para un Concello endebedado

Radio Xallas, a emisora municipal do Concello de Santa Comba, converteuse nun exemplo claro de gasto público difícil de xustificar. Os datos de audiencia rexistrados nos últimos anos falan por si sós: unha media de apenas 28 oíntes e, nos programas en directo, cifras que non superan as 4 persoas conectadas. Uns números ridículos para un servizo financiado con diñeiro público.

As medicións proceden das propias plataformas dixitais da emisora. Pola súa banda, o Estudo Xeral de Medios (EGM), referencia básica para avaliar a relevancia das radios en España, nin sequera recolle a existencia de Radio Xallas. É dicir, a súa repercusión é practicamente nula.

A pregunta é inevitable: pode permitirse Santa Comba manter unha radio municipal sen audiencia mentres o Concello acumula débeda? Todo apunta a que non. Máis aínda cando o goberno local evita dar explicacións claras sobre canto custa realmente a emisora: soldos, mantemento técnico, equipamentos e outros gastos asociados. Unha opacidade que resulta especialmente grave nunha administración con serios problemas financeiros.

Este gasto non é un caso illado. Enmárcase nunha política municipal marcada polo despilfarro: un alcalde cun soldo considerado desorbitado, seis dedicacións exclusivas nunca vistas no municipio, catro concelleiros cobrando o 75% dunha dedicación parcial e, ademais, unha radio municipal sen oíntes. Unha estrutura económica que non hai concello pequeno que poida soster.

Cada vez son máis os veciños que ven nesta situación unha oportunidade creada para que algúns vivan do Concello mentres a realidade económica de Santa Comba se deteriora. A prioridade semella non ser sanear as contas nin mellorar servizos esenciais, senón manter unha rede de gastos políticos difícil de defender.

Radio Xallas xa non é só unha radio sen audiencia: é o símbolo dun modelo de xestión que parece vivir alleo á realidade económica do municipio. A pregunta segue no aire: ata cando poderá aguantar Santa Comba este nivel de gasto?