Recollida de herbas de San Xoán e noite meiga no Couto, Ponteceso 

Asociación Neira Marcos e Casino de Carballo tamén teñen citas para o 23 de xuño 

23 de xuño • Na véspera do San Xoán e no marco do proxecto O Couto Florido, proxecto das Fundacións Pondal e Juana de Vega, a aldea pontecesá do Couto revivirá a tradición da recollida das herbas de San Xoán e o ritual da noite meiga. Farase tomando como inspiración o poema do bardo Pondal, de xeito que mozos e maiores buscarán as plantas dos seus versos para facer a augas de rosas que pasará a noite ao resío: de 16.30 a 18.30 horas. Crearase ademais un herbolario e un graffiti de choiva sumamente particular. 

23 de xuño • Tamén na noite meiga, e ademais da promovida pola comisión no Rego da Balsa, o Casino carballés ofrecerá aos socios a partir das 20.00 churrasco —sardiñas «se se poñen a tiro»— e ata unhas verduriñas para asar, de pedilas: 12 euros para non socios. As bebidas, por conta de cada quen. Á hora meiga saltarase unha pequena cachela: inscricións ata o día 19 no 645 89 67 72.

Inscricións ata o 18 na cachela de Neira Marcos

23 de xuño • Churrasco, panceta, chourizo, sardiñas «se podemos conseguilas», pan, broa e mesmo queimada, é o que ten preparada a asociación Neira Marcos para a súa xa icónica cachela ao carón do salón parroquial de Castromil, en Salto, Vimianzo. Gratuíto para nenos de ata 10 anos, 12 euros para socios e 17 para non socios. Inscricións ata o 18 de xuño co persoal da asociación.