Regueira destaca a economía social como ferramenta para construír unha sociedade máis xusta

O Fórum Carballo acolle este venres o II Congreso Galicia é ESS, unha iniciativa aberta a todas as persoas que comparten os valores da economía social e solidaria ou que queren achegarse a este movemento, orientado á construción dun modelo económico baseado na cooperación, a sustentabilidade e a xustiza social. O vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Promoción Económica, Xosé Regueira, participou na mesa inaugural do evento, xunto co alcalde de Carballo, Daniel Pérez; o concelleiro de Innovación, Formación, Emprego, Fondos Europeos e Axenda Urbana, Iván Andrade; e a directora de REAS Galicia, María Paz.

Regueira agradeceu a oportunidade de poder intervir en nome da institución provincial nun encontro «moi necesario», subliñando a relevancia da economía social nun contexto internacional marcado pola inestabilidade. Segundo indicou, vivimos «un momento xeopolítico absolutamente convulso, no que unha serie de oligarcas a nivel mundial, non contentos con dominar a economía, tentan tamén dominar gobernos, ben sexa pola forza ou pola chantaxe económica», acumulando cada vez máis poder e empobrecendo as sociedades.

Neste escenario, salientou que «a economía social é cada vez máis necesaria para contrastar contra ese outro sistema» e avogou por apoiar unha proposta na que «as persoas estean en primeiro plano antes ca conceptos como o simplemente económico». Para Regueira, encontros como este deben servir non só para reflexionar, senón tamén para actuar, ao considerar que «o social é unha aposta económica pola que debemos decantarnos como civilización, porque vai á cerna do concepto que temos de humanidade».

Fronte a un modelo económico que acaba —incidiu— «forzando un enfrontamento entre pobres», o vicepresidente provincial defendeu a necesidade de avanzar cara a outro que «afonde na redistribución da riqueza, nunha sociedade máis xusta, no consumo responsábel e na conciencia de que o noso planeta é finito e o debemos saber repartir con xustiza».

O II Congreso Galicia é ESS celébrase ademais ao día seguinte doutro evento desenvolvido tamén en Carballo ao redor da economía social, o que converte a localidade nun punto de referencia durante esta semana para o debate e a divulgación de propostas económicas alternativas, cunha programación continuada promovida pola Rede de Economía Alternativa e Solidaria de Galicia en colaboración co Concello.

Ao longo da xornada, o congreso propón compartir saberes e aprendizaxes acumuladas e procurar inspiración noutras experiencias e noutros territorios para artellar, de maneira colectiva, un mercado social, solidario e certeiro. Regueira salientou que o programa permite coñecer modelos colaborativos en ámbitos como a enerxía, o financiamento, o comercio xusto ou o consumo responsábel, e considerou «moi importante dalos a coñecer fóra deste espazo».