
Laxe avanza no Plan Estratéxico para poñer en valor os Penedos de Traba e Pasarela
O Concello de Laxe deu un novo impulso ao Plan Estratéxico de posta en valor dos Penedos de Traba e Pasarela coa celebración, o venres, dunha xuntanza informativa e participativa no local social de Traba. O encontro serviu para presentar as liñas mestras dun proxecto que busca ordenar a conservación e o uso turístico deste espazo singular, destacado polo seu valor xeolóxico, paisaxístico e cultural.
A sesión contou cunha alta participación veciñal, con numerosos asistentes que trasladaron inquedanzas, opinións e propostas sobre o futuro do enclave. Durante a reunión expuxéronse as primeiras ideas do plan e abriuse un proceso de diálogo encamiñado a construír unha estratexia común que permita avanzar cara a un modelo de desenvolvemento sostible e respectuoso coa contorna.
O Concello puxo tamén á disposición da cidadanía unha enquisa aberta para seguir recollendo achegas e continuar incorporando a visión veciñal ao proxecto. Desde o goberno local subliñan que a participación é clave para deseñar un plan sólido que consolide os Penedos como un referente para Laxe.