Riobó foi testemuña da unión de dúas novas parellas no décimo sexto aniversario da Tarde – Noite no Medievo

Un ano máis, centos de asistentes reuníronse na aldea de Riobó, no concello de Cabana de Bergantiños, para festexar o décimo sexto aniversario da Tarde-Noite no Medievo, un evento no que dúas parellas selaron o seu compromiso de maneira oficiosa, aínda que non oficial.

A xornada deu comezo coa tradicional camiñada ata a Torre da Penela, acompañada pola música dos Repichocos, para gozar no monumento dunha escenificación a cargo de Tristán Contastorias coa compañía Fantoches Baj.

Pola tarde, desenvolvéronse diversas actividades, como o espectáculo do mago Yago Espasandín, postos de artesanía e moita música a cargo de O Son do Castro, Son de Cabana, Os Farrapos, Os Enxebres de Cabana e Maruxía.

O pregón, a cargo de Os Quinquilláns, Lucho Penabade e Tero Rodríguez, foi a antesala das prevodas medievais nas que este ano participaron dúas parellas. A continuación, celebrouse o convite á pitanza do santo coa actuación de Cé Orquestra Pantasma, e o fin de festa estivo marcado pola música de Alana e de A Quinkillada.