Rueda anuncia a posta en marcha esta semana dunha nova edición dos bonos Activa Comercio dotada con 2,5 M€ tras ter mobilizado máis de 110 M€ en vendas desde 2021

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a segunda edición dos bonos Activa Comercio 2025, dotada con 2,5 M€ e que se publicará mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG) poñendo á disposición das persoas consumidoras desde o mércores os bonos de desconto de ata 30 euros co obxectivo de “permitir descontos nos comercios galegos e mobilizar máis vendas” e estimular o sector “de cara á campaña de Nadal”.

O importe súmase aos 2,5 millóns de euros destinados á anterior edición da iniciativa este ano —que tivo lugar en xuño—, sumando un total de 5 M€. Unha cantidade que volverá consignarse nos orzamentos de 2026 para consolidar esta acción dinamizadora do comercio local que logrou mobilizar máis de 110 millóns en vendas desde o ano 2021.

Como novidade, os establecementos non terán que inscribirse de novo para participar na iniciativa, senón que segue vixente a adhesión da primeira edición, co obxecto de gañar en axilidade en beneficio tanto dos comerciantes como das persoas consumidoras. En todo caso, se algún comercio non se sumara e quere facelo agora, ten de prazo aínda deica o 15 de decembro ou ata que remate o crédito desta última edición que se vai convocar.

O programa dos bonos Activa Comercio ten como obxectivo incentivar a demanda comercial axudando economicamente ás persoas consumidoras e fomentando o consumo nos establecementos retallistas adheridos á campaña. Con esta nova edición, o Goberno galego prevé “mobilizar un mínimo de 8,5 M€ en vendas” no comercio de proximidade de Galicia.

Funcionamento do programa

Cada bono terá un desconto de 30 euros para as compras realizadas nos comercios adheridos. Tal e como explicou Rueda, a partir do mércores 5 de novembro (desde as 9,00 horas) as persoas consumidoras interesadas poderán descargar eses bonos. Poderán facelo a través da web www.bonosactivacomercio.gal e trocalos nos establecementos mediante o seu formato dixital QR.

O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalles un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.

Como en anteriores ocasións, cada persoa poderá descargar un único bono, e non se limitará o número de usuarios que poden descargar os bonos, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.

Edicións anteriores

As edicións anteriores desta iniciativa iniciada no 2021 contribuíron á reactivación das vendas no comercio local e a incentivar a demanda das persoas consumidoras, mobilizándose no sector comercial retallista máis de 110 millóns de euros.

A última edición, que tivo lugar en xuño deste ano, saldouse con máis de 6.700 comercios adheridos en toda Galicia, preto de 215.000 bonos descargados e máis de 11 millóns de euros mobilizados en compras, dos que a Xunta puxo á disposición —como agora— un crédito de 2,5 millóns de euros en descontos de ata 30 euros por persoa.

Medidas para revitalizar o comercio local

Os bonos Activa Comercio son unha das medidas previstas no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 para revitalizar os establecementos de proximidade, incrementar a competitividade deste sector e incentivar o consumo local. En concreto, enmárcase no seu eixe 2, para a dinamización e visibilidade do comercio.

Ao abeiro dos orzamentos de 2026, a maiores da reedición destes bonos cun importe de 5 M€, consolidaranse apoios como os destinados á transformación dixital e modernización do sector comercial e artesanal (4 M€), a potenciar as prazas de abastos como mercados excelentes (preto de 4,5 M€) e os dirixidos a actuacións de dinamización das áreas de interese comercial (2,7 M€). A maiores, afondarase en iniciativas de dinamización como o proxecto Vilas Vivas, enfocado a revitalizar contornas comerciais singulares.