
Un total de seis persoas resultaron feridas, dúas delas de gravidade, despois da colisión entre dous vehículos rexistrada na tarde deste sábado no termo municipal de Carballo. Segundo informou o 112, cinco dos ocupantes tiveron que ser excarcerados polos equipos de emerxencias.
O aviso chegou á central de emerxencias arredor das 20:00, primeiro a través dun aviso automático dun teléfono móbil e, minutos despois, por medio dunha chamada dun particular que alertaba dun choque grave na estrada AC-418, entre os puntos quilométricos 2 e 3, na zona de Goiáns.
No operativo participaron o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Carballo, o GES de Ponteceso, axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local, así como efectivos de Protección Civil.
O 061 desprazou ao punto unha ambulancia de soporte vital avanzado (SVA), catro ambulancias de soporte vital básico (SVB) e persoal sanitario do PAC de Carballo. Unha vez no lugar, empregouse material de excarceración para liberar dúas persoas dun dos vehículos e tres do outro.
Segundo informou o servizo de emerxencias, cinco dos feridos foron trasladados ao Hospital da Coruña, mentres que o sexto foi derivado ao Hospital Materno Infantil Teresa Herrera. As autoridades investigan as causas do accidente, que obrigou a interromper parcialmente a circulación durante os traballos de rescate e asistencia.
Fuente Galicia Confidencial