
Tres persoas resultan feridas ao saírse un vehículo da vía en Ponteareas
Tres ocupantes dun vehículo tiveron que ser trasladados ao hospital de referencia tras sufrir un accidente na estrada EP-2703, ao seu paso por Padróns (Ponteareas), despois de que o coche se saíse da vía e caese por un terraplén.
Pasadas as nove da noite, o 112 Galicia recibiu unha alerta procedente dun sistema automático que, ademais de facilitar as coordenadas exactas do sinistro, permitiu aos xestores falar cun dos implicados. Esta persoa informou de que un dos ocupantes permanecía atrapado e inconsciente no interior do vehículo.
De inmediato, activáronse os bombeiros do GES para liberar ao ferido, que posteriormente foi evacuado polo Servizo de Emerxencias Sanitarias Galicia-061. Os outros dous ocupantes tamén foron trasladados, un deles con feridas leves e outro en estado grave, pendente de evolución médica.