UCIN Galicia denuncia o abandono institucional da pesca galega ea lerta dun impacto económico e laboral irreversible

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2025.– A Unión de Cidadáns Independentes (UCIN Galicia) denuncia de maneira contundente o abandono institucional ao que está a ser sometida a pesca galega, como consecuencia directa de decisións adoptadas no ámbito da Unión Europea e da falta dunha defensa firme e eficaz por parte das administracións competentes.

O coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, advirte de que as medidas actualmente aplicadas e en tramitación suporán un impacto económico superior aos 65 millóns de euros en portos estratéxicos como A Coruña e Ribeira, con afección directa sobre a frota de cerco, o emprego embarcado e o conxunto da cadea de valor do sector pesqueiro.

“Estamos ante decisións técnicas mal deseñadas, adoptadas sen estudos de impacto socioeconómico rigorosos e completamente desconectadas da realidade operativa da frota galega”, afirma Calo.
Desde UCIN Galicia sublíñase que a frota galega cumpre estritamente cos principios de sostibilidade, selectividade e pesca responsable, aplicando desde hai anos medidas de control, vedas biolóxicas, limitacións de esforzo e sistemas de trazabilidade que superan amplamente as esixencias normativas europeas.

“A pesar deste cumprimento exemplar, a pesca volve ser utilizada como moeda de cambio en acordos enerxéticos, comerciais e xeopolíticos, priorizando intereses de terceiros países fronte aos dos propios Estados membros”, engade o coordinador.

A organización denuncia tamén un agravio comparativo dentro do propio Estado, ao considerar que determinadas decisións buscan satisfacer a outras frotas, especialmente do Mediterráneo, sen unha avaliación obxectiva do impacto negativo que estas medidas xeran en frotas como a galega, altamente dependentes do cerco e da estabilidade normativa.

UCIN Galicia alerta de que a acumulación de recortes, restricións técnicas e ausencia
de apoio institucional efectivo está a levar ao sector a unha situación límite,
comprometendo a viabilidade económica das empresas, o mantemento do emprego e o
relevo xeracional nos portos pesqueiros galegos.

“Esiximos unha defensa técnica, firme e documentada da pesca galega en Bruxelas e en
Madrid. Non é aceptable seguir sacrificando ao sector mentres se presume de
sostibilidade sen ter en conta a súa dimensión social e económica”, conclúe Calo.


UCIN Galicia reclama a revisión inmediata das medidas adoptadas, a elaboración de
informes de impacto socioeconómico reais e contrastables, e a participación
efectiva do sector nos procesos de toma de decisións, para evitar un dano estrutural e
irreversible na pesca galega.