
Dende UCIN GALICIA queremos denunciar con firmeza que o sucedido estes días coa
rede ferroviaria en Galicia non é unha simple incidencia, senón un auténtico desprezo
institucional cara á cidadanía.
Media comunidade estivo días sen servizo ferroviario, sen explicacións claras e, o que é
máis grave, sen alternativas de transporte. É inadmisible que non se activasen medios
alternativos desde o primeiro momento para garantir a mobilidade de miles de persoas.
Resulta especialmente indignante que se escuden no mal tempo cando os trens de
mercadorías continúan circulando con normalidade. Para os negocios hai seguridade;
para os cidadáns, non. Ademais, ADIF confirmou que as vías non están danadas, polo
que non existe xustificación técnica para esta paralización: só abandono.
Paralizar Vigo, Santiago de Compostela, A Coruña e outras cidades é paralizar Galicia
enteira. Empresas, traballadores, estudantes e pacientes están a pagar un prezo inxusto
mentres ninguén asume responsabilidades nin se reparan os danos ocasionados.
Dende UCIN GALICIA levamos tempo reclamando a importancia dun servizo de
cercanías digno e funcional. Sen cercanías, morre a produtividade, o desenvolvemento e
a cohesión territorial. Primeiro foron os peaxes abusivos, agora os trens que non
circulan. Renfe opera en monopolio e o Goberno mira para outro lado.
Dá igual que estea o PSOE ou o PP: ambos partidos trouxéronnos á situación actual.
Galicia non pode seguir sendo cidadá de segunda no mapa ferroviario do Estado.
Esiximos explicacións, responsabilidades e solucións inmediatas.