
A formación reclama separar a xestión pública da promoción
política e lembra as críticas pola repartición de fondos públicos a medios
de comunicación
A delegación autonómica de Unión de Cidadáns Independentes (UCIN) en Galicia
reclamou que as obras públicas, os recursos materiais e as canles de comunicación
institucional financiados con diñeiro público non se utilicen como
instrumentos de propaganda partidista por parte de cargos públicos ou formacións
políticas que ostentan responsabilidades de goberno.
Nun comunicado remitido aos medios, UCIN Galicia subliña que as actuacións
executadas polas administracións deben responder exclusivamente o interese xeral e
non converterse en ferramentas de promoción persoal ou electoral. “As infraestruturas,
os proxectos financiados con diñeiro público e as canles institucionais de comunicación
deben manterse á marxe de calquera estratexia de autopromoción
política”, sinalan desde a organización.
A formación advirte de que a utilización de inauguracións, cartelería institucional,
notas de prensa ou actos oficiais cun marcado nesgo partidista “distorsiona a función
pública” e pode xerar unha percepción de uso indebido de recursos que pertencen á
cidadanía no seu conxunto.
Críticas á repartición de fondos públicos a medios
Neste contexto, UCIN Galicia lembra que diversos informes e análises xornalísticas
en anos anteriores sinalaron que a Xunta de Galicia distribuiría ao redor de 12
millóns de euros en contratos e axudas a medios de comunicación considerados
afíns, unha repartición que foi cuestionado pola oposición e por expertos en transparencia
debido a dúbidas sobre o cumprimento dos procedementos de contratación pública e
os criterios de adxudicación.
Segundo esas informacións, a estratexia iniciouse durante o mandato do
expresidente galego Alberto Núñez Feijóo e continuado posteriormente polo seu sucesor
á fronte do Executivo autonómico, Alfonso Rueda.
Declaración de UCIN Galicia
O coordinador autonómico de UCIN Galicia, José Luis Calo, sinalou que “a
cidadanía galega merece institucións que actúen con absoluta neutralidade e
transparencia”.
“Cando se utilizan recursos públicos para reforzar a imaxe de quen goberna ou
para influír no relato informativo, está a desvirtuarse o sentido da xestión
pública. As administracións deben gobernar para todos, non para fortalecer unha
estratexia partidista”, afirmou Calo.
O responsable de UCIN Galicia engadiu que “a comunicación institucional debe
limitarse a informar con rigor sobre os investimentos, os prazos e o estado das obras,
sen converter as canles públicas en ferramentas de propaganda”.
Chamamento á neutralidade institucional
A formación defende que a comunicación institucional debe limitarse a informar con transparencia
sobre o estado das obras, os prazos de execución e o investimento
realizado, evitando referencias que poidan interpretarse como campaña política
encuberta. Neste sentido, lembran a importancia de garantir a igualdade de oportunidades
entre forzas políticas, especialmente en períodos preelectorais.
Desde UCIN Galicia instan ás distintas administracións locais, provinciais e
autonómicas a extremar a prudencia na organización de actos vinculados a proxectos
públicos e a reforzar os mecanismos de control interno para asegurar que se respecte a
neutralidade institucional.
A organización conclúe reclamando un compromiso firme coa ética pública e a
separación clara entre a xestión institucional e a actividade partidista, co obxectivo de preservar
a confianza cidadá nas institucións.