UCIN Galicia expresa o seu respaldo firme ás demandas do sector marisqueiro da ría de Corcubión

UCIN Galicia expresa o seu respaldo firme ás demandas do sector marisqueiro da ría de Corcubión, que continúa viéndose gravemente prexudicado pola situación sanitaria dos bancos marisqueiros, actualmente con cualificación C. Esta catalogación impide a venda directa do marisco e compromete seriamente a viabilidade económica de numerosas familias que dependen desta actividade tradicional.

Desde a formación política instan de maneira clara aos concellos de Cee e Corcubión a axilizar con urxencia os trámites administrativos necesarios para a construción da nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), unha infraestrutura considerada clave para mellorar a calidade microbiolóxica das augas da ría e, con iso, a situación dos moluscos bivalvos e de todo o sector marisqueiro.

O coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, sinala que “a mellora do saneamento é unha cuestión prioritaria e urxente. Sen unha depuración axeitada das augas é imposible recuperar os bancos marisqueiros e garantir un futuro digno para o sector”.

Neste senso, UCIN Galicia apoia tamén a petición dos profesionais do mar de levar a cabo “unha revisión dos protocolos e das zonas”, co obxectivo de adaptar os criterios de control sanitario á realidade actual da ría e evitar prexuízos innecesarios á actividade extractiva.

A formación considera ademais imprescindible un maior investimento en infraestruturas en toda a zona, que cualifica de historicamente abandonada pola Xunta de Galicia, ao que se suma, segundo indican, unha xestión municipal deficiente que atrasou solucións largamente demandadas. “Non se pode seguir mirando para outro lado mentres unha ría enteira e un sector estratéxico para a economía local se afogan pola falta de decisións e investimento”, subliña Calo.

UCIN Galicia reclama coordinación entre administracións, compromiso real e prazos concretos para executar as obras necesarias, lembrando que o saneamento da ría de Corcubión non é só unha cuestión ambiental, senón tamén social, económica e de xustiza co sector marisqueiro.