UCIN Santiago esixe zonas accesibles para persoas con mobilidadereducida na Semana Santa Compostelá

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2026


UCIN Santiago denunciou este sábado a falta de medidas específicas por parte do
Concello para garantir que as persoas con mobilidade reducida poidan desfrutar en
condicións dignas da Semana Santa Compostelá, especialmente nas procesións que
discorren pola zona histórica da cidade.
A formación política pon o foco nunha problemática que consideran “grave e
recorrente”, agravada durante eventos multitudinarios. O candidato á alcaldía, Diego
Adrián Mallo Cao, atópase actualmente nunha situación de mobilidade reducida,
circunstancia que —segundo sinala— lle permitiu comprobar de primeira man as
dificultades reais de accesibilidade en Compostela.
“Estamos falando de dereitos básicos. Non pode ser que haxa veciños e visitantes que
non poidan ver as procesións por falta de previsión e sensibilidade do Concello”,
afirmou Mallo.
Desde UCIN consideran inadmisible que nun dos eventos de maior relevancia relixiosa,
cultural e turística da cidade non existan zonas habilitadas, accesibles e reservadas para
persoas con dificultades de mobilidade, persoas maiores ou con necesidades especiais.
A formación denuncia ademais que a zona histórica presenta importantes barreiras
arquitectónicas durante todo o ano, unha situación que —aseguran— se intensifica
durante a Semana Santa debido á elevada afluencia de público e á ausencia de
planificación específica.
UCIN critica tamén a falta de “compromiso real” coa accesibilidade por parte do
goberno local, ao considerar que os discursos institucionais non se traducen en medidas
concretas nin visibles.
Propostas de UCIN

  • Creación de zonas reservadas e sinalizadas para persoas con mobilidade
    reducida ao longo dos percorridos procesionais.
  • Mellora dos accesos e habilitación de itinerarios seguros na zona histórica.
  • Posta en marcha dun dispositivo específico de apoio e información.
  • Planificación anticipada para garantir eventos inclusivos durante todo o
    ano.
    Desde UCIN esixen ao Concello unha actuación inmediata e a incorporación da
    accesibilidade como criterio prioritario na organización de eventos públicos.
    “Santiago non pode seguir sendo unha cidade que presume de universalidade mentres
    exclúe, na práctica, a parte da súa propia veciñanza”, concluíu o candidato